Programa Concilia

Dende fai 10 anos somos a empresa adxudicataria da concesión do “Programa Concilia”, nel levamos a cabo as tarefas de  protección, vixilancia e almorzo aos escolares de Centros Públicos de Educación Infantil e Primaria con monitores especializados.

Qué é?

Trátase dun servizo complementario creado para apoiar ás familias e facilitar a conciliación da vida laboral e familiar.

O programa concilia desenvólvese antes de comezar as clases; as familias deixan aos seus fillos/as no centro escolar correspondente onde son recollidos polos monitores a cargo.

Quen o pode solicitar?

Todas aquelas familias que teñan aos seus fillos/as matriculados nos centros nos que se leva a cabo o “Programa Concilia”.

Os usuarios do programa poderán ser:

  1. Usuarios habituais con almorzo:  aqueles que utilizan o servizo de canguraxe e almorzo todo o mes, abonarán un prezo/mes.
  2. Usuarios habituais sen almorzo: aqueles que utilicen unicamente o servizo de canguraxe todo o mes, abonarán un prezo/mes.
  3. Usuarios de semanas alternas ben sexa con ou sen servizo de almorzo, abonarán un prezo/mes
  4. Usuarios de días soltos: aqueles que precisen do servizo ocasionalmente, abonarán un prezo/día.

Que preciso para inscribirme no Programa Concilia?

Acudir o departamento de asuntos sociais de Carballo (situado ao lado centro médico) e solicitar os impresos que deberán entregarse alí mesmo xunto coa documentación pertinente. Tamén é posible descargar os impresos da páxina do Concello de Carballo.

Que prazo teño para solicitar o servizo?

Aquelas familias que precisen do servizo ao comezo do curso escolar deberán inscribirse durante o mes de agosto.

Unha vez comece o curso escolar o prazo de inscrición estará aberto para todas  aquelas familias que o necesiten.

En que consiste o Concilia- Vacacións?

Durante os días non lectivos ben sexa ponte ou por vacacións (Nadal, Entroido, Semana Santa), o  Concilia realizarase nas instalacións de Xolda, as familias deixarán aos seus fillos en Xolda para os servizos de almorzo e canguraxe cubrindo todo o horario lectivo habitual.

Antes de cada período vacacional as monitoras entregaran ás familias a folla de inscrición na que terán que indicar días e horario que necesiten cubrir durante as vacacións.

Que almorzamos?

Os menús que presentamos son variados e saudables, tendo tamén en conta aqueles nenos e nenas con alerxias alimentarias.

O almorzo contará sempre con leite, cacao e zumes de froitas.

Para que os almorzos non sexan aburridos alternamos con: cereais de todo tipo (chocolate, flocos de trigo, avea…) galletas, torradas de pan con queixo, marmelada, manteiga, aceite, tomate e allo e como novidade este ano introducimos friames e “pan tumaca”.

E como non!!!! Os venres teñen sorpresa, magdalenas, boliños leite, croissant…

Como traballamos?

A pesares dos horarios, a priori considerados  complicados, polo feito de madrugar, ao longo destes anos puidemos comprobar que os nenos e nenas responden perfectamente ás actividades propostas e o que é máis importante non inflúe no seu rendemento ao longo do día.

Na primeira hora as actividades son relaxadas, como xogos de mesa, naipes, debuxos para pintar…

Tamén realizamos talleres como por exemplo: pintado de camisetas, de tazas, elaboramos xabóns así como outras moitas manualidades coincidindo coas temáticas de Samaín, Nadal, Entroido…

A segunda hora xa é máis dinámica, despois do almorzo, podemos utilizar un dos ximnasios do centro para facer xogo dirixido (brilet, pelota capitana, pañuelo…). Aqueles nenos ou nenas que non queiran ir ao ximnasio poderán quedar no comedor con xogo libre (na alfombra cos diferentes xoguetes e libros, xogos de mesa…)

No que se refire ao Concilia-Vacacións sempre programamos actividades e talleres divertidos deixando un oco ao xogo libre.